Friday 19 de April de 2024

González Formoso reivindica que “Galicia non é do PP, é de quen a comparte, de quen a escoite e, sobre todo, de quen a entende”


• “O Partido Socialista ten que ser unha forza central que goberne Galicia, que non renuncie e se resigne a ser terceira ou segunda forza política”, afirma.

• Hoxe ás 18:30 horas continuará na Fonsagrada os seus encontros coa militancia.

Valentín González Formoso reivindicou hoxe que “Galicia non é do PP, é de quen a comparte, de quen a escoite e, sobre todo, de quen a entende”. Defendeu que os territorios non se adscriben a ningunha formación política “senón que se pode facer un proxecto gañador, unido, con todo o talento que temos dentro”.

O candidato á Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE defende un modelo no que “o Partido Socialista ten que ser unha forza central que goberne Galicia, que non renuncie a isto e se resigne a ser terceira ou segunda forza política” e “ese esforzo é no que pretendemos implicar aos compañeiros e compañeiras, nos que estamos a percibir que hai unha conectividade con eles que xa supoñíamos pero que se está a confirmar cada día que vamos a unha agrupación”.

Hoxe ás 18:30 horas González Formoso continuará na Fonsagrada (Salón de Actos, Os Chaos) os seus encontros coa militancia nunha campaña “chea de ilusión, en ton positivo e construtivo” e aposta por “confrontar os proxectos e non ás persoas” a través dun proceso de Primarias “que é una garantía, onde os militantes temos o noso momento de decidir o modelo de partido que queremos e que hai que poñelo en valor ensinando o mellor de nós mesmos, explicando nas rúas, nas vilas, e nas cidades a cantidade de ideas que temos para aspirar ao goberno de Galicia”.